28 de novembro de 2014

REUNIÓN SEMANA NEVE


O xoves 04 de decembro ás 18:30 horas teremos unha reunión no comedor do centro para concretar os horarios da viaxe, explicar normas  a seguir e aclarar as dúbidas que poidan xurdir. En principio a viaxe será entre os días 14 e 18 de decembro como estaba previsto.

O prezo por persona é de 330 euros. O xoves haberá que pagar os 230 euros que faltan, posto que 100 xa os puxeron como fianza. Aqueles alumnos que van facer snow teñen que pagar un suplemento de 15 euros. Se hai algún alumn@ que precise de algún tratamento ou con algunha alerxia a algún alimento comentádemo na reunión.

15 de novembro de 2014

DATAS EXAMES TEÓRICOS ESO

A continuación están as datas dos exames teóricos para a ESO e os temas que vos entran en cada un dos cursos. Lembrade que temos que realizalos un pouco antes porque se segue nevando o día 14 de decembro marcharemos a Jaca e temos que deixar postas as notas da avaliación. Sorte a todos.

1º ESO A: 04 de decembro. Temas 1, 2, 3 e 4.
1º ESO B: 03 de decembro. Temas 1, 2 ,3 e 4.
2º ESO A: 05 de decembro. Temas 1, 2, e 4.
2º ESO B: 03 de decembro. Temas 1, 2 e 4.
3º ESO A: 01 de decembro. Temas 1, 2, 3 e 6.
3º ESO B: 01 de decembro. Temas 1, 2, 3 e 6.
4º ESO A: 05 de decembro. Temas 1, 2, 3, 4 e 7.

10 de novembro de 2014

MAGOSTO E SAMAÍN

Hoxe 10 de novembro celebramos no CPI Atios o MAGOSTO e SAMAÍN. Aparte da exposición e concurso de cabazas e dos centros de outono este ano hai a maiores un concurso de adorno de portas. De 12:00 a 13:30 para Infantil e Primaria e de 13:30 a 14:15 haberá un circuito de diferentes xogos populares, posteriormente teremos a degustación das castañas e o leite. Agardamos que todos o pasedes ben con estas actividades organizadas pola equipa de actividades extraescolares.

2 de novembro de 2014

ALUMNADO SEMANA NEVE

Tras rematar o prazo de entrega de autorizacións temos un total de 57 alumnos dende 6º de EP a 4º de ESO para dita actividade. Imos levar un só autocar de 70 prazas. Este ano a actividade terá lugar entre os días 14 e 18 de decembro (esquiando os días 15, 16, 17 e 18) na estación  de Astún (Jaca, provincia de Huesca) onde xa esquiaron o ano pasado. O prezo por persona será aproximadamente de 330 euros. Existen aínda oito prazas libres polo que de anotarse algún alumn@ máis o prezo podería baixar. No caso de querer facer snow este ano o suplemento é só de 15 euros. A semana que vén comezaremos a repartir ó alumnado que asista á actividade as rifas para que poidan financiar parte da viaxe.

O programa da actividade incluiría: Transporte en autobús de Galicia a Jaca / Transportes diarios hotel-estación-hotel / 4 noites no hotel en réxime de media pensión /  4 dias de comida en pistas  / 4 días de remontes / 2 horas diarias de clases de esquí / Seguro de viaxe e de esquí.
Material: Protector solar (factor 25-50) e labial, gafas de sol para neve, gorro e polar, chándal impermeable ou similar, anorak, luvas, calcetíns (varios pares), roupa de abrigo, DNI, copia da tarxeta sanitaria.

A principios de decembro teremos unha reunión coas familias para explicar con detalle a actividade e as normas a seguir na viaxe. Enviaremos unha nota co día e data da reunión.