24 de decembro de 2014

FOTOS SEMANA NEVE

Xa  están subidas na páxina web do centro as fotos da semana da neve sacadas coa miña cámara, á volta das vacacións intentaremos subir as que teñamos con outras cámaras e móviles. Un saúdo a todos. Felices festas.

23 de decembro de 2014

VACACIÓNS NADAL

Ímonos xa de vacacións de Nadal dende o día 19 de decembro ata o 08 de xaneiro que teremos que voltar de novo ó CPI de Atios. Creo que este trimestre foi duro para todos e que merecemos un descanso.
Quédanos disfrutar deste Nadal  e destes derradeiros días cos que pecharemos este ano 2014. Felices festas a todos, portádevos ben para que os reises vos traian todo o que pedistes.

BO NADAL E FELIZ 2015

MEMORIA SEMANA NEVE 2014

O venres ás 06:30 chegamos por fin a Valdoviño dende Jaca os profesores e alumnado que este ano nos aventuramos novamente nesa modalidade de deporte na natureza que é o esquí. Nesta ocasión apenas tivemos lesionados: só uha pequena contractura no pescozo (de todos xeitos quedastes sen oírme cantar). En xeral o voso comportamento foi o peor dende que facemos esta actividade no centro, e en particular algúns de vós non volveredes a outra excursión conmigo. O tempo tampouco nos acompañou, pois os tres primeiros días tivemos que volver cedo ao hotel porque estabamos mollados e só o derradeiro día poidemos desfrutar de verdade do esquí.
Durante os vindeiros días subirei á páxina web do cole as fotos sacadas coa miña cámara. A descansar.

28 de novembro de 2014

REUNIÓN SEMANA NEVE


O xoves 04 de decembro ás 18:30 horas teremos unha reunión no comedor do centro para concretar os horarios da viaxe, explicar normas  a seguir e aclarar as dúbidas que poidan xurdir. En principio a viaxe será entre os días 14 e 18 de decembro como estaba previsto.

O prezo por persona é de 330 euros. O xoves haberá que pagar os 230 euros que faltan, posto que 100 xa os puxeron como fianza. Aqueles alumnos que van facer snow teñen que pagar un suplemento de 15 euros. Se hai algún alumn@ que precise de algún tratamento ou con algunha alerxia a algún alimento comentádemo na reunión.

15 de novembro de 2014

DATAS EXAMES TEÓRICOS ESO

A continuación están as datas dos exames teóricos para a ESO e os temas que vos entran en cada un dos cursos. Lembrade que temos que realizalos un pouco antes porque se segue nevando o día 14 de decembro marcharemos a Jaca e temos que deixar postas as notas da avaliación. Sorte a todos.

1º ESO A: 04 de decembro. Temas 1, 2, 3 e 4.
1º ESO B: 03 de decembro. Temas 1, 2 ,3 e 4.
2º ESO A: 05 de decembro. Temas 1, 2, e 4.
2º ESO B: 03 de decembro. Temas 1, 2 e 4.
3º ESO A: 01 de decembro. Temas 1, 2, 3 e 6.
3º ESO B: 01 de decembro. Temas 1, 2, 3 e 6.
4º ESO A: 05 de decembro. Temas 1, 2, 3, 4 e 7.

10 de novembro de 2014

MAGOSTO E SAMAÍN

Hoxe 10 de novembro celebramos no CPI Atios o MAGOSTO e SAMAÍN. Aparte da exposición e concurso de cabazas e dos centros de outono este ano hai a maiores un concurso de adorno de portas. De 12:00 a 13:30 para Infantil e Primaria e de 13:30 a 14:15 haberá un circuito de diferentes xogos populares, posteriormente teremos a degustación das castañas e o leite. Agardamos que todos o pasedes ben con estas actividades organizadas pola equipa de actividades extraescolares.

2 de novembro de 2014

ALUMNADO SEMANA NEVE

Tras rematar o prazo de entrega de autorizacións temos un total de 57 alumnos dende 6º de EP a 4º de ESO para dita actividade. Imos levar un só autocar de 70 prazas. Este ano a actividade terá lugar entre os días 14 e 18 de decembro (esquiando os días 15, 16, 17 e 18) na estación  de Astún (Jaca, provincia de Huesca) onde xa esquiaron o ano pasado. O prezo por persona será aproximadamente de 330 euros. Existen aínda oito prazas libres polo que de anotarse algún alumn@ máis o prezo podería baixar. No caso de querer facer snow este ano o suplemento é só de 15 euros. A semana que vén comezaremos a repartir ó alumnado que asista á actividade as rifas para que poidan financiar parte da viaxe.

O programa da actividade incluiría: Transporte en autobús de Galicia a Jaca / Transportes diarios hotel-estación-hotel / 4 noites no hotel en réxime de media pensión /  4 dias de comida en pistas  / 4 días de remontes / 2 horas diarias de clases de esquí / Seguro de viaxe e de esquí.
Material: Protector solar (factor 25-50) e labial, gafas de sol para neve, gorro e polar, chándal impermeable ou similar, anorak, luvas, calcetíns (varios pares), roupa de abrigo, DNI, copia da tarxeta sanitaria.

A principios de decembro teremos unha reunión coas familias para explicar con detalle a actividade e as normas a seguir na viaxe. Enviaremos unha nota co día e data da reunión.

25 de outubro de 2014

SESIÓN PRÁCTICA 4º ESO

SESIÓN PRÁCTICA  A REALIZAR POLOS ALUMNOS  / 4º ESO

PRINCIPIOS A SEGUIR
Tódolos grupos farán unha sesión completa que entregarán ó profesor con fase inicial, principal e final (de estiramentos ou relaxación) e exporán a parte que lles foi asignada.

1º grupo                      Quecemento específico de forza e velocidade
2º grupo                      2 exercicios de forza
3º grupo                      2 exercicios de forza
4º grupo                      2 exercicios de velocidade
5º grupo                      2 exercicios de  velocidade
6º grupo                      Exercicios de relaxación e estiramentos

VALORACIÓN
1ª parte:          sesión escrita
2ª parte:          posta en práctica por tódolos componentes dos exercicios.

GRUPOS:
1. Cristina, Leticia, Juan e Yolanda.
2. Uxía, Roi, Aarón e Alex López.
3. Kike, Montero, Nieto e Ainoa.
4. Francesca, Víctor, Sharay e Alba.
5. Ainhoa, Martín, María e Ricardo.
6. Rocío, Lidia, Paola, Fani e Alex Veiga.

19 de outubro de 2014

CONTIDOS ESO 1ª AVALIACIÓN

As unidades que estamos a ver durante esta 1ª avaliación en secundaria son as seguintes por cursos:

1º ESO:
UD 1.Xogos de presentación e dinámica de grupos
UD 2. Condición física e saúde 1
UD 3. Habilidades ximnásticas 1
2º ESO
UD 1. Condición física e saúde 2
UD 2. Habilidades ximnásticas 2
3º ESO
UD 1. Condición física e saúde 3
UD 2. Atletismo 2 (saltos e lanzamentos)
4º ESO
UD 1. Condición física e saúde 4
UD 3. Baloncesto

ACTUALIZACIÓN INVENTARIO

Durante este mes de outubro procedeuse á actualización do inventario do departamento de Educación Física. No inventario está tanto o material inventariable coma o material funxible desglosado nos seguintes ítems: material alternativo, atletismo, baloncesto, balonmán, balóns, béisbol, boxeo, delimitación espazos, escalada, espresión corporal, infladores, música, outros, orientación, patinaxe, psicomotricidade, raqueta (badminton, tenis, tenis de mesa e palas), redes, ximnasia, ximnasia rítmica, xogos de mesa e xoquei. 

16 de outubro de 2014

FOTOS SEMANA VELA

Por fin tedes á vosa disposición as fotos da actividade de vela deste curso, perdoade o retraso pero entre problemas técnicos e alumnado que non tiña cuberta a autorización para saír na web non as dei subido ata esta semana. Hai fotos moi boas e os optimists son moi fotoxénicos (e vós tamén claro).
Desfrutade con elas.

13 de outubro de 2014

AUTORIZACIÓNS SEMANA NEVE

O departamento de Educación Física do CPI Atios de Valdoviño está a organizar unha viaxe á neve dirixida ó alumnado de ESO e 6º de EP. Esta actividade está enmarcada dentro do Proxecto Didáctico do Dpto no Bloque Temático de Actividades no medio natural. Dado que outros cursos o alumnado tense dado de baixa a última hora esta autorización implica o permiso para asistir á actividade é o depósito dunha fianza de 100 euros que poden perder se non van ( a non ser que sexa unha causa xustificada).

A actividade realizaríase aproximadamente no mes de decembro (14-18) e tería lugar na estación de Astún ou Candanchú no Pirineo aragonés (4 días de esquí máis a viaxe). O prezo rondaría os 360 euros (de ser 30 alumnos) ou 318 euros (de ser 50 alumnos). A actividade estará aberta a todo o alumnado da ESO e 6º de EP e será preciso un mínimo de 25 alumnos para levar a cabo a actividade. De non chegar a este número devolveríase a fianza a cada alumn@. O prazo para entregar a autorización é ata o martes 21 de outubro.  En caso de non haber alumnado suficiente poderia plantexarse a opción de Leitariegos ou San Isidro. O programa da actividade incluiría: Transporte en autobús de Galicia á estación elexida / Transportes diarios hotel-estación-hotel / 4 noites no hotel en réxime de media pensión / 4 días de comidas en pistas / 4 días de remonte / 2 horas diarias de clases de esquí / Seguro de viaxe e de esquí.

12 de outubro de 2014

QUECEMENTO ESPECÍFICO 2º ESO


Os de 2º de ESO ides ter que realizar un pequeno quecemento específico de diferentes deportes, cada un dos grupos realizará un deporte diferente. Lembrade as partes que debería ter ese quecemento:
1. Posta en acción. Exercicios de desprazamento ou carreira suaves.
2. Exercicios de movilidade articular
3. Estiramentos
4. Exercicios de carreira máis intensos ou de forza
5. Exercicios de quecemento específico: propios do deporte que vaiamos a realizar despois.
6.Volta á calma.
Os grupos son os seguintes:
2º ESO A
Grupo 1. Fútbol: Alejandro, Cristina, Eva e Andrea.
Grupo 2. Baloncesto: Lidia, Gonzalo, Noel e Laura.
Grupo 3. Balonmán: Cristel, Samuel, Guti, e Paula. 
Grupo 4. Voleibol: Naiara, Jero, Noelia e Ángel.
Grupo 5. Salto de lonxitude: Martín, Raúl e Mateo.

2º ESO B
Grupo 1. Fútbol: Jenny, Iria, Dani e Laura Fdez.
Grupo 2. Baloncesto: Miguel, Laura Fortuna, Adrián e Zaira.
Grupo 3. Balonmán: Alba, Jonathan, Pablo e Óscar.
Grupo 4. Voleibol: Emma, Christian, Laura Rdgz e Anxo
Grupo 5. Salto de lonxitude: Ángel, Natalia e Marcos

A semana que vén empezamos con eles, intentade preparalos ben.

9 de outubro de 2014

QUECEMENTO 1º ESO

Xa sabedes que durante este trimestre tedes que elaborar un quecemento xeral por grupos e dirixilo nunha das sesións. Lémbrovos as partes do quecemento:
1. Posta en accción: exercicios de carreira suave ou desprazamento
2. Exercicios de movilidade articular
3. Estiramentos
4. Exercicios de maior intensidade: de carreira más intensa, de forza...
5. Volta á calma
Pensade que vou avaliar este quecemento cunha nota de grupo e unha individual. Tratade de ser un pouco creativos e innovadores cos exercicios. De ter calqueira dúbida consultádeme.
1º ESO A
GRUPO 1. Iago, Manu, Jonatán, Diego e Paula Castro.
GRUPO 2. Mario, Cristian, Keli e Kalki.
GRUPO 3. Alexander, Alejandro, Nerea Castro, Nera Dom. e Erik.
GRUPO 4. Paula López, Dana, Adrián e Alba.
GRUPO 5. Fernando, Sara, Estela, Alejandra e Ana.

1º ESO B
GRUPO 1. Ismael, Antonio, Antía, Alejandro e Flavio.
GRUPO 2. Roi, Blanca, Andrés, David e Lucía Lamigueiro.
GRUPO 3. Jonathan, Alba, Lucía Medín,e Icía.
GRUPO 4. Carla, Sandra, Sara e Claudia.
GRUPO 5. Bruno, Jaime, Sofía, Ezequiel e Iria.

Aparte dos exercicios que fixemos en clase pensade noutros exercicios que podedes utilizar.

3 de outubro de 2014

NORMAS MATERIAL LECER ESO


1. O material de lecer para o alumnado de ESO estará nun baúl pechado na entrada do patio da cafetería.
2. Este baúl SÓ PODERÁ SER ABERTO NAS HORAS DE RECREO E POLOS ENCARGADOS DESIGNADOS. O resto do alumnado non pode coller as chaves, terá que buscar a un encargado para que abra. 
3. O BAÚL NON PODERÁ ABRIRSE EN HORAS DIFERENTES ÁS DO RECREO, para evitar que quede aberto e collan o material alumnos de Infantil, Primaria, do comedor ou extraescolares como pasou outros cursos.
4. Cando soe o timbre de entrada do recreo  todo o alumnado procederá a recoller o máis rápido posible o material para que os encargados poidan pechar o baúl a tempo para ir a clase. TODOS SODES RESPONSABLES DO MATERIAL.
5. O alumnado de ESO encargado de abrir e pechar o baúl nos recreos será sustituido cada trimestre, ante calqueira incidencia deberá comunicarllo ao xefe de departamento de EF, o baúl debe quedar pechado tras cada recreo e as chaves no seu lugar. SÓ HAI CATRO ENCARGADOS (UN POR NIVEL). Todo o alumnado se compromete a acatar as directrices destes encargados. Os  encargados este trimestre son:
1º ESO - Adrián Méndez
2º ESO - Marcos Vilela
3º ESO - David Díaz
4º ESO – Raúl Nieto
6. As mesas de ping-pong colocaranse unha no patio da cafetería e outra no patio cuberto, na do patio cuberto só poderedes xogar a semana que vos toca a clase de EF fóra, porque na outra semana estarán dando clase de EF os de Primaria. NAS MESAS ESTÁ ESTRICTAMENTE PROHIBIDO SENTARSE (especialmente os que xogades nelas).
7. O xoves pola tarde poderedes  entrar a xogar ao ximnasio cumprindo as normas de todos o sanos.
8. Todos debedes colaborar no coidado do material, lembrade que ese material é voso e vos corresponde ser responsables e facer un bo uso do mesmo. Espero que este ano as cousas funcionen mellor que o curso pasado.
9. SE NON SE CUMPREN ESTAS NORMAS POR PARTE DE TODO O ALUMNADO DE ESO RETIRARASE O MATERIAL, AS MESAS DE PING-PONG E O ACCESO AO XIMNASIO OS XOVES POLA TARDE.
10. PENSADE EN TODO ESTO E TRATADE DE SER RESPONSABLES .

15 de setembro de 2014

SEMANA VELA 14-15

Dende o día 16 e ata o día 26 de setembro o alumnado de 5º de Educación Primaria e de 1º e 2º de ESO participa nun curso de iniciación á vela de tres días no encoro das Forcadas.
O prezo da actividade é de 6 euros para pagar o bus dos tres días. O prezo está calculado en función do número de alumnos que asisten á actividade. A actividade inclúe o transporte en autocar ata as instalacións do clube náutico municipal, e a realización da actividade en sí. Irán acompañados dun profesor do centro e a actividade no encoro estará supervisada por monitores especializados en vela. Os rapaces deberán levar bañador (se fai sol) ou roupa cómoda (chándal), calzado que se poida mollar, e unha cazadora ou chubasqueiro se fai mal tempo. Deben levar unha muda completa e toalla por si se mollan.

Esta actividade realizarase nas seguintes quendas:
- 16, 17 e 18 de setembro de 09:35 a 13:15 5º Educación Primaria
- 19, 22 e 23 de setembro de 09:35 a 13:15 1º Educación Secundaria
- 24, 25 e 26 de setembro de 09:35 a 13:15 2º Educación Secundaria

9 de setembro de 2014

INICIO CURSO 14-15

O luns día 15 de setembro comezamos unha nova andaina neste centro que é o meu e é o voso: o CPI Atios de Valdoviño. Principiamos un novo curso cheo de incerteza pola aplicación da Lomce e en xeral polos recortes que parecen afectar só aos máis desfavorecidos e tanto na súa educación coma na súa sanidade. Seguro que moitos de vós voltaredes coma o señor da carretilla (seguramente eu o primeiro), pero xa veredes coma nuns días todos nos adaptamos perfectamente. Deséxovos a tod@s sorte nesta nova etapa que iniciades.Un saúdo e benvidos de novo á vosa casa. Vémonos o luns.

PROFESORADO EDUCACIÓN FÍSICA

Durante o curso 2014-2015 o profesorado que impartirá a materia de Educación Física no CPI de Atios será o seguinte:

  • Ana Morales Moya: Educación infantil e Educación Primaria
  • Patricia Regueiro Sousa: Educación Primaria
  • Juan Luis Allegue Iglesias: Educación Secundaria

13 de xullo de 2014

EXAME SETEMBRO EF

A data para o realización do exame de setembro é a seguinte:
MÉRCORES 03 DE SETEMBRO (11:45 A 12:45)
Lémbrovos a todos a importancia de repasar as preguntas que levastes para a casa en xuño, pois de ahí sairán as preguntas do exame. SORTE E ÁNIMO A TOD@s.

LIBRO TEXTO 1º ESO


O curso 14-15 non teremos libro de texto de Educación Física en 1º de ESO, non, non é que acabara a teoría en EF senón que comezaremos a utilizar o aula virtual do centro e alí teremos todo o preciso para dar a teoría da nosa materia. 
Espero ir cada curso incorporando  os contidos do seguinte curso ata acabar cos libros físicos en catro anos.

3 de xullo de 2014

FINAL CURSO 13-14

E aquí rematamos, o curso 13-14 rematará en setembro para aqueles que aínda teñades que volver a examinarse, aos demais desexarvos un bo verán e que disfrutedes das vacacións. 
Un saúdo para todos.

2 de xullo de 2014

R.I.P. SISTEMA DE CALIDADE

Despois de case dez anos traballando por acadar e manter a certificación dun sistema de xestión da calidade de acordo cos requisitos da norma UNE-EN ISO 9001:2000, durante o claustro do día 27 de xuño a maioría do profesorado decidiu deixar de formar parte deste grupo de centros de ensino. Lamentar personalmente esta decisión porque sospeito que o centro deixará de funcionar ben debido a que se reducen os mecanismos de control e por outra banda ao pensar no número de horas que adicamos moitos de nós a poñer en marcha este proxecto, sacándoas do noso tempo libre. Poñer tamén no debe de INSPECCIÓN que este curso limitou o número de horas de adicación do responsable de calidade; o que xa na práctica condeaba ao sistema de calidade a unha lenta agonía. 

RIP SISTEMA DE CALIDADE. 

27 de xuño de 2014

RAFTING 13-14

 O mércores 25 de xuño 19 alumn@s de 3º e 4º de ESO acompañaron a sete ousados profes á actividade de rafting e paintball, a verdade é que os profes disfrutaron tanto coma vós. Retrasámonos un pouco na volta a Valdoviño porque algúns non daban rematadas as bolas. Bueno, esta foi a derradeira actividade deste curso e para moitos de vós tamén a última no centro porque marchades a iniciar outra etapa.Espero que o pasarades ben. Verémonos noutra seguro. Un saúdo a todos. As fotos estarán subidas en breve na páxina web do centro. Ah! por certo, os de gris déronno sunha malleira aos de azul.



REULTADOS AVALIACIÓN FINAL

Os resultados da avaliación final en ESO realizada o 23 de xunio foi a seguinte:
1º ESO A:     21 alumnos          19 aprobados        3 suspensos         90% aprobados
1º ESO B:     21 alumnos          20 aprobados        1 suspensos         95% aprobados
TOTAL 1º     42 alumnos          39 aprobados        4 suspensos         93% aprobados
2º ESO A:      20 alumnos           18 aprobados       2 suspensos         90% aprobados
2º ESO B:      21 alumnos            20 aprobados       1 suspensos        95% aprobados
TOTAL 2º     41 alumnos           38 aprobados       3 suspensos        93% aprobados
3º ESO A:     14 alumnos          12 aprobados       2 suspensos        86% aprobados
3º ESO B:     12 alumnos          10 aprobados       2 suspensos        83% aprobados
TOTAL 3º    26 alumnos          22 aprobados        4 suspensos       85% aprobados
4º ESO A:     22 alumnos          22 aprobados        0 suspensos       100% aprobados
4º ESO B:     07 alumnos          05 aprobados        2 suspensos        71% aprobados
TOTAL 4º:     29 alumnos          27 aprobados        2 suspensos        93% aprobados

TOTAL   138  alumnos   125 aprobados    13 suspensos   91% aprobados

CAMPIONATO GALEGO TIRO CON ARCO

O domingo 07 de xullo celebrarase en Valdoviño, no campo de fútbol Mourente o Campionato Galego de tiro con arco ao aire libre, o horario será de 9h a 16h. Os que queirades podedes ir velo xa que este ano tivemos as xornadas de tiro con arco co Clube Arco Narón que organiza o campionato. Tamén podedes ir o día anterior se queredes ver como se monta este tipo de campionato.

18 de xuño de 2014

AOS MEUS ALUMN@s DE 4º DE ESO

Tódolos anos o alumnado de 4º de ESO abandona o centro para seguir o seu camiño e este curso tócavos a vos, sí a eses que saídes sorrindo na foto (supoño que porque saiades de excursión ese día). Dende este blogue quería desexarvos toda a sorte do mundo, algún de vos leva neste colexio a meirande parte da súa vida (13 anos os que comezades en infantil) e lembrarvos tamén que a sorte sen traballo e esforzo case nunca é suficiente para acadar o que se desexa.
Supoño que estaredes tristes e ledos á vez pensando no que o futuro ten reservado. Só vos digo que a vosa vida acaba de empezar, que sempre sexades críticos, é dicir, que non creades sempre o que vos dín nen o que sae nos medios de comunicación (internet incluido), que intentedes ser sempre consecuentes coas vosas ideas e a vosa personalidade, e que loitedes sempre polos vosos soños.
As cousas realmente importantes vanse conseguindo paseniñamente e en armonía coa natureza, as persoas e o mundo, nunca creades que o fácil é o mellor. Ao final a vida pon a cada un no lugar que lle corresponde é o único que nos queda son as boas accións que fixemos, os amigos que están ao noso lado e o tranquila que está a nosa conciencia.
Sorte e ánimo a todos na vosa vida, lembrádevos de nós algunha vez, perdonádenos se fixemos algunha cousa mal e intentade ser felices.
Un bico a todos… e intentade facer algo de deporte.

NOTAS 3ª AVALIACIÓN E FINAL

Deixovos os enlaces para que miredes as vosas notas con calma.Un saúdo.
1º ESO A             1º ESO A FINAL 
1º ESO B                1º ESO B FINAL
2º ESO A                2º ESO A FINAL
2º ESO B                2º ESO B FINAL
3º ESO A                3º ESO A FINAL
3º ESO B                 3º ESO B FINAL
4º ESO                     4º ESO FINAL

16 de xuño de 2014

ESCALANDO


Xa sabedes que este ao empezamos a facer escalada co alumnado de 4º de ESO, iniciámonos na práctica de escalada en rocódromo e tamén na do rápel, unha técnica de descenso dentro da escalada. O rápel é moi sinxelo e moi divertido, pero tamén ten os seus riscos se non comprobamos o material e a colocación so arnés e a corda, e sempre cun compañeiro abaixo asegurándonos. O venres pasado estiven co alumnado de 4º de ESO que non foi á excursión rapelando a parede traseira do centro. Aquí vos deixo algunha foto. Rafa, Juan e Adrián son xa uns expertos.

11 de xuño de 2014

CAMBIO DATA RAFTING

A actividade de rafting para o alumnado de 3º e 4º da ESO queda finalmente para o mércores día 25 de xuño. A saída será ás 09:30 na parada de bus do Josby e o prezo final é de 60 euros. O número de alumnos que van á actividade é de 17.Vémonos no río.

30 de maio de 2014

INICIACIÓN SURF 13-14. FOTOS.


Xa tedes na páxina web do centro as fotos da actividade de surf, a verdade é que están moi ben, aínda que algunhas se pasaron CHUPANDO CÁMARA, agradecer a Pantín Surf Camp a maioría das fotos. Tamén comentou Andrés que vai montar un vídeo con todo o material, pero non o agardades ata máis adiante. Xa o publicaremos cando saia. Lembrade que ás fotos tamén podedes acceder dende o blogue pinchando na foto da actividade que queirades no menú da dereita. Un saúdo a todos.


28 de maio de 2014

AUTORIZACIÓN RAFTING 13-14

O departamento de Educación Física do CPI Atios organiza unha saída o xoves día 19 de Xuño cos alumnos de 3º e 4º de ESO para realizar unha actividade de rafting e paintball.
O rafting  consiste en baixar en grupos e dentro dunha balsa neumática o curso dun río, o monitor actúa como timonel mentres os demais controlan a embarcación cos remos. A actividade realizase equipados cun traxe de neopreno, chaleco salvavidas, casco  e sempre acompañados de monitores da empresa TURNAUGA.
·        O rafting faríase no río Ulla preto de Padrón e o paintball en Caldas de Reis.
·        A saída será do centro ás 9:35 h. do día 19 de Xuño.
·        Os alumnos levarán a comida, xantaremos en algunha área recreativa pretodo río Ulla.
·        A chegada será sobre ás 20:00 ou 21:00 horas dependendo do tempo que leve a actividade.
·   A empresa Turnauga proporciona o material: traxe de neopreno e chalecos e contrata un seguro de responsabilidade civil por cada participante, polo que é necesario que me comuniquen antes o DNI.
·        O prezo é entre 55-60 euros, esto inclúe a actividade de rafting, de paintball e o bus. Este prezo é orientativo para un número aproximado de 25 alumnos, en función dos alumnos que vaian podería modificarse.
·        É obrigatorio saber nadar.
·        MATERIAL: Cada participante debe levar un calzado deportivo que se poida mollar e traxe de baño posto. Deben levar tamén toalla e roupa interior de reposto.

·        A data límite para entregar  as autorizacións é o 05 de xuño. 

19 de maio de 2014

DATAS EXAMES TEÓRICOS ESO

As datas dos exames teóricos da 3ª avaliación para  a ESO quedan do seguinte xeito:
1º ESO A: 03 de xuño 
1º ESO B: 28 de maio
2º ESO A: 30 de maio
2º ESO B: 02 de xuño
3º ESO A: 28 de maio
3º ESO B: 04 de xuño
4º ESO:    20 de maio

Sorte a todos.

16 de maio de 2014

SURFEANDO!!!!


Rematamos a nosa experiencia co surf cun día espléndido nesa estupenda praia de Pantín e con Rufo e Marcos dándonos consellos para coller mellor as fantásticas ondas de hoxe. Unha mágoa ter que acabar agora que estabamos collendo o truco. Grazas a tod@s polo voso fantástico comportamento. Cando teña o enlace co resto das fotos que sacaron subireinas á web do cole. A ver se Andrés nos prepara tamén un pequeno vídeo. Ah! Grazas tamén a Andrés por acompañarnos nestas datas. Vémonos noutra.   

15 de maio de 2014

PRIMEIRO DÍA DE SURF

Hoxe comezamos a aventura do surf cos de 2º de ESO, UFFF!, non sabía que esto do surf era tan cansado, en fin a maioría de vós moi ben, o peor de todos eu, pero bueno irei mellorando pouco a pouco. A verdade é que tedes ventaxa porque para algún non era a súa primeira experiencia. Vémonos mañá de novo en Pantín. Ah!! e grazas a Rufo, Elías e Marco do Pantín Surf Camp pola súa paciencia, e a Toni e María por ser o noso transporte especial e desinteresado.
Os do Pantín Surf Camp xa teñen fotos subidas no seu facebook. As nosas tardarán un pouquiño máis. Vémonos mañá en Pantín.

8 de maio de 2014

MATERIAL RECREOS. BAUL.

A MIÑA PACIENCIA ESGOTOUSE!!!! Polo ben da miña saúde mental o material dos recreos queda requisado ata o ano que vén, tampouco poderedes xogar no ximnasio os xoves pola tarde. Cóntovos: hoxe pola mañá as chaves apareceron porque Mariel atopounas e deullas a Juan, alguén onte as deixou tiradas fóra. No segundo recreo púxenas de novo e a penúltima hora os balóns estaban fóra, o candado tirado entre as frores dos maios e as chaves colgadas no gancho. Estas situacións levanse repetindo semana tras semana, por non ter en conta as veces que ESTADES SENTADOS NA MESA DE PING PONG!. No ximnasio a 1ª hora da tarde o vestiario dos rapaces estaba cheo de auga coma se fixerades unha guerra de duchas e NON!!!!!, estou farto de ofrecervos oportunidades que logo non aproveitades. En primeiro lugar ninguén me obriga a poñer material para que xoguedes nos recreos, FÁGOO POR VÓS!, nunca houbo tantos problemas coma este curso.... porque CADA VEZ SODES MÁIS IRRESPONSABLES!!!.
As normas son as seguintes:
- SÓ HAI CATRO ENCARGADOS (UN POR NIVEL) (ninguén máis pode abrir o baúl)
- O BAÚL SÓ PODE ABRIRSE NOS RECREOS E POLOS ENCARGADOS
- CANDO ACABA O RECREO HAI QUE GARDAR O MATERIAL, DEIXAR PECHADO O BAÚL E AS CHAVES NO SEU SITIO
Todos debedes colaborar porque senón os encargados acaban cansándose, se non se cumpren estas normas non hai material. PENSADE EN TODO ESTO DE CARA AO CURSO QUE VÉN.

6 de maio de 2014

INICIACIÓN SURF 13-14

Os días 15 e 16 de maio o alumnado de 2º de ESO terá a oportunidade de ter un primeiro contacto co surf na praia de Pantín en horario de 10 a 13 h. En total serán 18 alumn@s os que disfruten destas 6 horas de iniciación ao surf. O prezo da actividade é de 30 euros e irán acompañados de dous profesores do centro estando supervisados alí por monitores especializados en surf da escola Pantín Surf Camp.
Os traslados realizarémolos en coches particulares polo que necesitabamos a colaboración dalgunha familia. Espero que esta actividade que levamos anos intentando facer coa ESO vos guste. Vémonos en Pantín.

2 de maio de 2014

RESULTADOS V TORNEO XADREZ CPI ATIOS


No día de hoxe e coincidindo coa celebración do Día do Libro celebramos o V Torneo de Xadrez do CPI Atios. Este ano contamos con 67 participantes: 57 alumnos e 10 profesores. No Día do Libro contamos coa presenza de José Carlos Núñez Pérez e tamén os veciños de Valdoviño organizaron a representación de cinco libros. En canto ao torneo de xadrez o gañador foi Kike Martínez Iglesias que venceu na final a Ricardo Ponce Fernández, sendo os outros semifinalistas Artai Rodríguez García e Pablo Rubín Riveira. Lembramos as finais das outras edicións:
    IV Torneo: Marcos Lorenzo a Jorge Vázquez
III Torneo: Samuel López a Jorge Vázquez
     II Torneo: David Casariego a Jorge Vázquez
  I Torneo: David Casariego a Sergio López
O Torneo de profes queda para celebrarse cando poidan os que quedan por xogar.
GRAZAS a todos por participar, divertirvos e tratar de seguir practicando outros deportes que non sexan o fútbol en especial a todo o alumnado de 3º, 5º e 6º de Primaria que fixo o esforzo de participar cos da ESO.
As fotos do Torneo podedes velas entrando na galería da páxina web do centro.

30 de abril de 2014

HABEMUS ROCÓDROMO

Despois de agardar moito tempo, debido a outras prioridades, por fin dei cumprido un dos meus soños neste centro: ter un pequeno rocódromo onde poder ensinarvos os principios básicos e as técnicas máis sinxelas da escalada en rocódromo. Poucos centros públicos e privados poden dispoñer deste verdadeiro luxo, só espero que vós tamén vos decatades do seu valor e aprendades a coidar o rocódromo, as presas e todo o material de escalada en xeral. Pronto poderedes disfrutar  del. Agradecer EN ESPECIAL A JUAN SÁNCHEZ, o noso conserxe a quen todos coñecedes o seu traballo desinteresado na construcción do rocódromo e na colocación das presas. GRAZAS JUAN, eres un crack.

26 de abril de 2014

CALENDARIO V TORNEO XADREZ CPI ATIOS

Aquí vos deixo o calendario da fase previa do torneo de xadrez, xa podedes ir preparando os vosos enfrontamentos.
CALENDARIO V TORNEO XADREZ  ALUMNADO. FASE PREVIA

(Óscar Montes Gómez - Marcos Vilela Vilela )      -          (Jorge Vázquez Pérez - Roi Díaz Castro)                (A)
(Fani Caneiro Yáñez - Ricardo Ponce Fernández)    -          (Daniel López López - Cristian Vigo Gutiérrez)       (B)
(Nicolás Dopico Iglesias - Miguel Figueroa Gtirz)  -          (Marcos Dopico Couce - Roberto Bonome Pato)      (C)
(Yago Fernández Vigo - Yago López Bouza)          -          (Pablo del Río Qtna - Luis Miguel Dopico Mtínez) (D)
(Daniel Casas Caamaño - Raúl Nieto Ameneiros)    -          (Anxo Sanjurjo Díaz - Cristian Rodríguez López)    (E)
(Iria Vilaboy Naveiras - Manuel Díaz Leirachá)      -          (Daniel Muiño Castro - Adrián Vergara Villarnovo)   (F)
(Iago Pérez Menéndez - Patricia Rico Martínez)      -          (Mario Couce Méndez - Adrián López Río)             (G)
(Jonathan López Bouza - Pablo Rubín Riveira)      -          (Alba Méndez López - Iván Luaces Rodríguez)         (H)

(Adrián Fdez Serrano - Andrés Vilaboy Naveiras)  -          (Aarón Rey Vázquez - Lucía García Aneiros)            (I)
(Adrián Collado Abelleira - David Díaz Piñón)     -          (Raúl Montero Veiga - Alexander García Peña)         (J)
(Martín Díaz Fernández - Rafa Aguado Gutiérrez)  -          (Laura Rodríguez Martín - Iria Ramos Mesía)           (K)
(Álvaro Núñez Lamas - Aurora Paz Seijas)           -          (Víctor García Pardo - Artai Roríguez García)           (L)
(Kike Martínez Iglesias - Roberto López Pérez)     -          Iago González Hermida                                         (M)
Aarón García Vázquez          -          Adrián García Aneiros                                           (N)
 Ana Marina Pita Cobas         -          Ángel Sanjurjo Fernández                                       (O)
Adrián Méndez García          -          Iago López Lima                                                   (P)

25 de abril de 2014

V TORNEO XADREZ CPI ATIOS

O mércores 30 de abril comezaremos a edición número V do noso torneo de xadrez que naceu no mes de novembro de 2009 cunha vocación de torneo de Nadal, pero que ano tras ano por mor doutras actividades vai sendo relegado sempre hacia as vacacións de Semana Santa e este ano pasa a celebrarse a finais de abril. 
Este curso contamos cun total de 57 alumnos inscritos e agardamos chegar ós 8 profesores; un total de 65 participantes. O alumnado vai dende 5º de EP ata 4º de ESO, aínda que este ano contaremos cun alumno de 3º de EP que tamén vai participar. Colgaremos o calendario coas datas e os emparellamentos cando teñamos feito o sorteo, aproximadamente o  luns 28 de abril. SORTE A TODOS.

23 de abril de 2014

UNIDADES 3ª AVALIACIÓN

As unidades que xa estamos a ver nesta 3ª avaliación en ESO son as seguintes:

1º ESO:
UD 7. O rugbi
UD 8. Expresión corporal 1
UD 9. Actividades na natureza 1: rastrexos, orientación por indicios, nós básicos

2º ESO
UD 6. Bailes de salón 1: chachacha e pasodobre
UD 7. Xogos populares e alternativos 2: shuterball, indiacas
UD 8.Deportes de loita
UD 9. Expresión corporal 2
UD 10. Actividades na natureza 2: sendeirismo, acampada

3º ESO
UD 6. Bailes de salón 2: vals vienés, merngue
UD 7. Actividades na natureza 3: orientación
UD 8. Expresión corporal 3

4º ESO
UD 4. Béisbol
UD 7. Bailes de salón 3. Aerobic
UD 5. Actividades na natureza 4: escalada

21 de abril de 2014

VOLTA Á RUTINA

Acabáronse as vacacións de Semana Santa e mañá vereivos a todos de novo, como pai de dous nenos estes días pregunteime a miúdo que a ver cando empezaban as clases, pero mañá seguro que me sentirei coma no segundo debuxo. Bueno, agora en serio, espero que teñades un feliz regreso ás clases, pensade que xa case non queda nada de curso.
Ánimo a todos, vémonos mañá.

5 de abril de 2014

CEA 40 ANIVERSARIO CPI ATIOS

O sábado 05 de abril toda a comunidade educativa estaba invitada a asistir á cea concerto na sala de festas A Concha para conmemorar o 40 anivesario do CPI de Atios. Noraboa e parabéns a todos os que colaboraron na organización e a todos os que participastes na celebración.

Creo que a festa durou ata altas horas da madrugada. Mágoa que eu non poidera quedar ata o final. Vémonos tod@s de novo no festival de fin de curso. Aquí vos deixo unha "photocall" dos profes que asistimos ao evento. Agora a descansar para o luns.

2 de abril de 2014

CAMIÑO DE SANTIAGO 13-14. FOTOS

Xa estamos de volta dende as terras de Fisterra despois de facer as tres derradeiras etapas do epílogo a Fisterra pasando por Maroñas, Olveiroa, Cee, Corcubión e rematar no faro de Fisterra na fin do mundo. Unha mágoa que soprara tanto vento e non poideramos estar alí máis tempo porque a verdade e que merece a pena sentarse nunha pena e reflexionar un intre de cara á inmensidade do oceano. En breve teredes subidas á páxina do centro as fotos da actividade, a  verdade é que este ano quedaron fotos bonitas. Espero que todos vos recuperedes físicamente o máis pronto posible, que deixedes de odiarme canto antes e que nos vexamos algunha outra vez noutra aventura. Agradecer tamén a Cruz e a David (máis a Cruz que a David, evidentemente) que nos acompañasen neste tramo de Camiño. Saúdos a todos, xa vos dixen no bus que é un verdadeiro pracer viaxar con vós.
BO CAMIÑO!!!!

25 de marzo de 2014

CAMIÑO DE SANTIAGO 13-14

O alumnado de 4º de ESO relizará os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril un tramo do camiño a Fisterra, prolongación do Camiño de Santiago. Finalmente son 15 os valentes que comezarán esta aventura. O prezo final da actividade é de 55 euros (bus e albergues). En total percorreremos 49 Km repartidos en tres etapas: Maroñas – Olveiroa (14 Km), Olveiroa – Cee (20 Km), Cee – Fisterra (15 Km).
O bus nos levará á aldea de Maroñas o domingo e o martes traeranos de volta a Valdoviño. Teremos un coche de profesores para tratar de cubrir posibles incidencias. Irán acompañados polos profesores: Cruz Buján Varela, David Eiroa Ouviña e Juan Luis Allegue Iglesias. Boa sorte a todos.