22 de decembro de 2018

VACACIÓNS NADAL

Bueno, pois ata aquí chegou este 2018 no aspecto académico. O venres  21 de decembro tivemos o Festival de Nadal e con él despedímonos ata o 2019. Deséxovos a tod@s unhas felices festas coas vosas familias e unha boa entrada neste ano 2019 que nos agarda á volta da esquina. Lembrade que estaremos de volta o día 09 de xaneiro.
BO NADAL!!!.

12 de decembro de 2018

CANCELACIÓN SEMANA NEVE

     Debido á falta de neve na estación de Astún vémonos na obriga de suspender a actividade da viaxe á neve. Dende a dirección da estación nos comunican que aínda estando prevista algo de neve para hoxe é moi probable que non poidan abrir porque as temperaturas volverán subir.
     As novas datas para a actividade serán do 17 ao 21 de marzo. Ao alumnado que non poida ir nestas datas devolveráselle íntegro o importe da saída (incluída a fianza). Se algunha familia precisa dos cartos nestas datas que mo comunique por medio dos fillos ou por teléfono e procederei á súa devolución polo medio que me digades (efectivo ou transferencia).
     O motivo das novas datas é que en febreiro e marzo xa hai outros grupos nos hoteis e nós somos case 100 persoas, o que dificulta o aloxamento. Ademais esas datas encarecerían o prezo. En principio non imos ter problema pola neve.
     Se alguén necesita algunha outra aclaración que contacte conmigo. Lamento as molestias que esta decisión poida causar.

7 de decembro de 2018

NOTAS 1ª AVALIACIÓN ESO

Xa podedes consultar nos seguintes enlaces as notas da 1º avaliación na materia de educación física, revisade as medias e se hai algún erro comentádemo. As notas de 3º ESO están supeditadas á presentación da Ficha de carreira continua feita na clase, de non entregar a ficha restará 0,5 puntos na media final. Un saúdo a todos.

6 de decembro de 2018

HISTÓRICO TEST CONDICIÓN FÍSICA

Nesta primeira avaliación rematamos de traballar co alumnado da ESO as unidades de condición física e saúde. Sabedes que tódolos anos facemos unha serie de probas por cursos para avaliar as distintas capacidades físicas. Dende o curso 04-05 levamos un pequeno histórico dos resultados desas probas e supoño que a semana que ven estará actualizado para tódolos cursos da ESO no taboleiro do ximnasio. 
Cada curso que pasa é máis difícil estar entre os dez mellores de cada proba por unha simple cuestión estadística pois xa levamos quince anos con este histórico. Sen embargo este curso entraron doce novos rexistros neste histórico. A proba que máis se resiste é a dos 2 Km en 1º ESO que non entra nengún novo rexistro dende o curso 14-15. Noraboa a tod@s.

30 de novembro de 2018

REUNIÓN SEMANA NEVE

O martes 04 de decembro ás18:30 horas teremos unha reunión no comedor do centro para concretar os horarios da viaxe, explicar normas  a seguir e aclarar as dúbidas que poidan xurdir. En principio a viaxe será entre os días 16 e 20 de decembro como estaba previsto.

O prezo por persona é de 355 euros. O mércores haberá que pagar os 255 euros que faltan, posto que 100 xa os puxeron como fianza. Aqueles alumnos que van facer snow teñen que pagar un suplemento de 20 euros (en total 375 euros).

Se hai algún alumn@ que precise dalgún tratamento ou con algunha alerxia a algún alimento e queredes falar co profesorado que imos con eles podedes  chamarme ou comentarmo na reunión.

28 de novembro de 2018

ACADANDO ÉXITOS DEPORTIVOS


Aproveitamos estos días sen novas para felicitar a Unay polo seu recente campeonato de España de bodyboard na categoría sub-12, lembrar os éxitos en ximnasia rítmica de Ainhoa e Alejandra que tamén acudiron ao nacional de rítmica tras ser terceiras no campeonato galego e, especialmente ao noso ex-alumno Adrián Orjales que ven de batir de novo o récord nacional de tiro con arco para invidentes. Noraboa a tod@s e que continuedes a ter éxitos na vosa vida deportiva. Animarvos a tod@s os que practiquedes algún deporte a seguir facéndoo aínda que non logredes éxitos tan grandes coma os de Alejandra, Ainhoa, Unay e Adrián. A práctica dun deporte e os valores que nos proporciona son de por sí un éxito suficiente para a maioría.
NORABOA.

17 de novembro de 2018

DATAS EXAMES TEÓRICOS 1ª AVALIACIÓN ESO

As datas dos exames teóricos para os distintos grupos da ESO serán as seguintes:
1º ESO A: 04 de decembro (Temas 1, 2, 3 e 4)
1º ESO B: 23 de novembro (Temas 1, 2, 3 e 4)
2º ESO A: 28 de novembro (Temas 1, 2 e 3)
2º ESO B: 30 de novembro (Temas 1, 2 e 3)
3º ESO A: 26 de novembro (Temas 1, 2, 3 e 6)
3º ESO B: 27 de novembro (Temas 1, 2, 3 e 6)
3º ESO C-D: 26 de novembro (Temas 1, 2, 3 e 6)
4º ESO A: 29 de novembro (Temas 1, 2, 3, 4 e 7)
4º ESO B: 27 de novembro (Temas 1, 2, 3, 4 e 7)

16 de novembro de 2018

FOTOS VELA 18-19


Xa tedes subidas neste blogue as fotos da actividade de vela deste curso, este ano tocounos realizar a actividade na ría de Cedeira polas razóns que xa coñecedes. A actividade consistiu nun só día pero asistiu alumnado de 5º e 6º de Educsción Primaria e de 1º a 4º da ESO. Agradecer tamén a súa colaboración aos profes que asistiron á actividade. E como non agradecer tamén aos monitores e en especial a César a súa adicación e entrega a este deporte da vela, e animarvos a todos a acudir algún fin de semana ou no verán ao Clube Náutico a seguir practicando estas actividades. Lembrade tamén que podedes acceder ás fotos das actividades no menú da dereita do blogue con pinchar na foto da actividade. 


12 de novembro de 2018

VELA 1º ESO

O alumnado de 1º  ESO retomará a actividade de vela este mércores 14 de novembro co seguinte horario:
- Mércores 14 de novembro de 09:35 a 14:00                   1º ESO
Retomamos a  actividade posto que as pezas dos barcos que romperan durante o temporal xa chegaron. O problema com este grupo foi que ao ser o máis numeroso precisábanse tódolos barcos para facer a actividade. Sentimos as molestias ocasionadas.
Para o mércores parece que entra un anticiclón e mellorará o tempo. Lembrarvos de todos xeitos que vaian máis abrigados e que leven un chubasqueiro lixeiro, para evitar salpicaduras sobre todo nos kaiaks, senón pasarán frío. Roupa para cambiarse imprescindible.
O prezo da actividade é de 5 €.. Grazas e desculpas por tanto cambio.

10 de novembro de 2018

ALUMNADO EN PRÁCTICAS. EMMA.

O venres tamén despedimos, con gran pesar, a Emma. A nosa ex-alumna e, para nós, xa compañeira Emma estivo este ano facendo as prácticas de Maxisterio na especialidade de EF con Toni. Foi un gran pracer poder terte con nós, agardamos que poidas volver pronto a este centro (que xa sabes que é o teu) coa túa praza aprobada. Desexámoste moita sorte na túa vida profesional e personal. Grazas por todo, Emma. Bicos.

MAGOSTO E SAMAÍN

O venres, día 09 de novembro celebramos no CPI de Atios o MAGOSTO e o SAMAÍN. Coma tódolos anos tivemos o noso tradicional concurso de cabazas e centros de outono. Os de EP participaron no Gran Xogo con probas relacionadas co Samaín  e tódolos cursos tiveron  a oportunidade de disfrutar da nosa Aula Terrorífica. Asemade como fin de festa este ano, a partir das 13:30 tivemos castañas e chourizos acompañado de zume e auga. Durante toda a semana tamén tivemos na biblioteca os tradicionais contos de medo. Esperamos que disfrutarades do día.

2 de novembro de 2018

ALUMNADO SEMANA NEVE

Tras rematar o prazo de entrega de autorizacións temos un total de 85 alumnos dende 6º de EP a 4º de ESO para dita actividade. Esto supón ter que levar dous autocares de 55 prazas. A actividade terá lugar entre os días 16 e 21 de decembro (esquiando os días 17, 18, 19 e 20) na estación  de Astún (Jaca, provincia de Huesca) onde xa esquiaron os cursos anteriores. De non haber neve nesas datas a viaxe pospoñerase a marzo ou outra data por determinar. 
O prezo por persona estará entre os 350- 360 euros. No caso de querer facer snow o suplemento é  de 20 euros. En principio imos deixar que o alumnado de 6º de EP que conte coa autorización da súa familia faga SNOW. Ademais este ano o alumnado que queira facer snow deberá levar  protectores de muñeca.
Empezaremos a repartir esta semana ao alumnado que asista á actividade as rifas para que poidan financiar parte da viaxe, cando acaben un talonario teñen que traer os 100 euros e poderían recoller outro ata un máximo de catro. IMPORTANTE: Non recollemos moedas, só billetes.
O programa da actividade incluiría: Transporte en autobús de Galicia a Jaca / Transportes diarios hotel-estación-hotel / 4 noites no hotel en réxime de media pensión /  4 dias de comida en pistas  / 4 días de remontes / 2 horas diarias de clases de esquí / Seguro de viaxe e de esquí.
Material: Protector solar (factor 25-50) e labial, gafas de sol para neve, gorro e polar, pantalón de neve, chándal impermeable ou similar, anorak, luvas, calcetíns (varios pares), roupa de abrigo, DNI, copia da tarxeta sanitaria.
 A principios de decembro (probablemente o martes día 4) teremos unha reunión coas familias para explicar con detalle a actividade e as normas a seguir na viaxe. Enviaremos unha nota confirmando día e data da reunión.

25 de outubro de 2018

SESIÓN O PARRULO FS. FOTOS

Onte o alumnado de 5º de EP e de 2º de ESO do CPI de Atios tivo a sorte de ter unha sesión teórico-práctica impartida por xente do Parrulo FS. Estiveron con nós dous EX-ALUMNOS de Atios: Roberto Testa (director da escola) e  Melo (entrenador da escola); acompañados do entrenador Diego Ríos e dos xogadores Adri e Chemi. 
Agradecerlles a súa presenza e a  súa paciencia. Grazas a todos. Déixovos un enlace coas fotos da súa páxina:
https://photos.google.com/share/AF1QipMj9DncTuOhVN0Jw7dtmHaZN7JYsed8fAZG5SztgF5sJeHhf9dwhg5osMSZDL_ojQ?key=UHlUVUF1TTQ4ZjJ5cGEyNnN0QkpydkRnNnZSOHdn

23 de outubro de 2018

2º DÍA DA BICICLETA. VALDOVIÑO.


O domingo 28 de outubro o concello de Valdoviño organiza a 2ª edición do Día da Bicicleta. A concentración terá lugar ás 11:00 no campo de fútbol de Vilaboa e dende ahí sairá a ruta sobre as 11:30 da mañá.

Un percorrido lúdico duns oito kilómetros polos arredores do encoro das Forcadas. As inscricións poden facerse no concello ata o venres ou o mesmo dia da proba na saída. Animamos a todas as familias a participar.

CHARLA TEÓRICO-PRÁCTICA O PARRULO FS

O mércores 24 de outubro teremos unha representación do clube Parrulo Ferrol FS, que impartirán unha charla teórico-práctica ao alumnado de 5º de EP e de 2º de ESO, no seguinte horario:
11:30 a 12:20   -------   2º ESO
12:30 a 13:30   ---------   5º EP
A actividade terá lugar no ximnasio e consistirá nunha presentación de 10 minutos e unha sesión práctica de 35 minutos aproximadamente cos xogadores.

20 de outubro de 2018

LEMBRANDO A IVÁN

Esta semana coñecimos a nova do falecemento do noso ex-alumno Iván; a estrada leva a vida doutro membro da nosa comunidade. Queremos dende aquí dar ánimos á súa familia, en especial a Noelia que tamén comparteu con nós moitos anos. Lembro a Iván coma un rapaz afable e cordial dentro da súa timidez, sempre correcto a pesar de non ser un gran estudante no aspecto académico. Provoca unha tristura inmensa contemplar como xóvenes con toda a súa vida por diante nos abandonan, deixándonos con esta sensación de dor e de impotencia, con este resquemor de que algo está a fallar, de que algo estamos a facer mal.
Descansa en paz, Iván. Sempre permanecerás na nosa memoria.

14 de outubro de 2018

AUTORIZACIÓNS SEMANA NEVE

O departamento de Educación Física do CPI Atios de Valdoviño está a organizar unha viaxe á neve dirixida ó alumnado de ESO e 6º de EPEsta actividade está enmarcada dentro do Proxecto Didáctico do Departamento dentro das Actividades no medio natural. Esta autorización implica o permiso para asistir á actividade é o depósito dunha fianza de 100 euros que poden perder se non van ( a non ser que sexa unha causa xustificada).
A actividade realizaríase en principio no mes de decembro (16-21) e tería lugar na estación de Astún ou Formigal no Pirineo aragonés (4 días de esquí máis a viaxe), de non haber neve nesas datas pospoñeríamos a viaxe ao mes de marzo. O prezo rondaría os 375 euros (de ser 30 alumnos) ou 330 euros (de ser 50 alumnos). A actividade estará aberta a todo o alumnado da ESO e 6º de EP e será preciso un mínimo de 25 alumnos para levar a cabo a actividade. De non chegar a este número devolveríase a fianza a cada alumn@. O prazo para entregar a autorización é ata o MÉRCORES 31 de outubro.  O programa da actividade incluiría: Transporte en autobús de Galicia á estación elexida / Transportes diarios hotel-estación-hotel / 4 noites no hotel en réxime de media pensión / 4 días de comidas en pistas / 4 días de remonte / 2 horas diarias de clases de esquí / Seguro de viaxe e de esquí.

NORMAS MATERIAL LECER

1. O material de lecer do alumnado de ESO estará nun baúl pechado na entrada do patio da cafetería.
2. Este baúl SÓ PODERÁ SER ABERTO NAS HORAS DE RECREO E POLOS ENCARGADOS DESIGNADOS. O resto do alumnado non pode coller as chaves, terá que buscar a un encargado para que abra.
3. O BAÚL NON PODERÁ ABRIRSE EN HORAS DIFERENTES ÁS DO RECREO, para evitar que quede aberto e collan o material alumnos de Infantil, Primaria, do comedor ou extraescolares como pasou outros cursos.
4. Cando soe o timbre de entrada do recreo  todo o alumnado procederá a recoller o máis rápido posible o material para que os encargados poidan pechar o baúl a tempo para ir a clase. TODOS SODES RESPONSABLES DO MATERIAL.
5. O alumnado de ESO encargado de abrir e pechar o baúl nos recreos será sustituido cada trimestre, ante calqueira incidencia deberá comunicarllo ao xefe de departamento de EF, o baúl debe quedar pechado tras cada recreo e as chaves no seu lugar. SÓ HAI CATRO ENCARGADOS (UN POR NIVEL). Todo o alumnado se compromete a acatar as directrices destes encargados. Os  encargados este trimestre son:
1º ESO – Gabriel Casal Veiga
2º ESO – Hugo Gonzálelez Somoano
3º ESO – Nerea Santalla Ramos
4º ESO – Yago Fernández Vigo
XIMNASIO: Inés López Casas / Lucía García Aneiros
6. As mesas de ping-pong estarán colocadas no patio da cafetería para non molestar ás clases de Primaria. NAS MESAS ESTÁ ESTRICTAMENTE PROHIBIDO SENTARSE (especialmente os que xogades nelas).
7. O xoves pola tarde poderedes  entrar a xogar ao ximnasio cumprindo as seguintes normas:
·         Só poden estar no ximnasio os que van xogar.
·         Non está permitido comer nin beber no ximnasio, agás auga.
·         Non se pode estar subido enriba das colchonetas nin xogando nelas.
·       Os vestiarios usaranse de xeito que queden nas mesmas condicións que cando entrastes. Non quero inundacións fortuitas.
·  Os encargados de abrir e pechar o ximnasio e de que se cumpran estas normas serán necesariamente de 3º ou 4º de ESO. Ante calqueira incidencia deberán informar ao xefe de departamento de EF.
8. Todos debedes colaborar no coidado do material, lembrade que ese material é voso e vos corresponde ser responsables e facer un bo uso do mesmo.
9. SE NON SE CUMPREN ESTAS NORMAS POR PARTE DE TODO O ALUMNADO DE ESO RETIRARASE O MATERIAL, AS MESAS DE PING-PONG E O ACCESO AO XIMNASIO OS XOVES POLA TARDE.
10. PENSADE EN TODO ESTO E TRATADE DE SER RESPONSABLES .

UNIDADES ESO 1ª AVALIACIÓN

As unidades que imos  ver durante esta 1ª avaliación nos cursos de educación secundaria son as seguintes:
1º ESO
UD 1. Xogos de presentación e dinámica de grupos
UD 2. Condición Física e saúde 1
UD 3. Habilidades ximnásticas 1
2º ESO
UD 1. Condición Física e saúde 2
UD 2. Habilidades ximnásticas 2
3º ESO
UD 1. Condición Física e saúde 3
UD 2. Atletismo 2: Saltos e lanzamentos
4º ESO
UD 1. Condición Física e saúde 4
UD 3. Baloncesto

5 de outubro de 2018

ENCARGADOS MATERIAL



Como xa sabedes segue sen haber encargados de 3º e 4º de ESO para abrir o baúl de material para o tempo de lecer. De non aparecer voluntari@s non se colocará material este curso e tampouco poderedes xogar no ximnasio os xoves pola tarde. Se alguén se anima que me comente algo.

23 de setembro de 2018

NOVAS DATAS SEMANA VELA

O alumnado da ESO retomará a actividade de vela esta semana nas seguintes datas:
- Martes 25 de setembro de 09:35 a 14:00                         3º ESO
- Mércores 26 de setembro de 09:35 a 14:00                     2º ESO
- Xoves 27 de setembro de 09:35 a 14:00                           4º ESO
- Pendente confirmar                                                          1º ESO 
O prezo da actividade é finalmente de 5 €. A ser posible que sexa nun billete de 5, e senón nas menos moedas posibles. Grazas e desculpas polo cambio de datas.

PROFESORADO EF 18-19

Durante este curso 18-19 o profesorado pertencente ao departamento de Educación Física seguimos a ser:
Patricia Regueiro Sousa: Educación Infantil e Primaria
 Antonio Rodríguez Rodríguez: Educación Primaria
Juan Luis Allegue Iglesias: Educación Secundaria e Xefe de departamento

19 de setembro de 2018

APRAZAMENTO SEMANA VELA

Sentíndoo moito (porque xa estaba todo organizado e foi un pouco precipitado) vémonos na obriga de aprazar a semana de vela para o alumnado de ESO ata Outubro. Avisaremos con tempo das novas datas, desculpas e un saúdo. 

15 de setembro de 2018

SEMANA VELA 17-18

Como xa sabedes o curso pasado non poidemos realizar a actividade de vela pola presenza no encoro das Forcadas de cianobacterias que impiden a realización de actividades náuticas. Este ano o Concello suspendeu de novo as actividades polo mesmo motivo. Para poder realizar a actividade ímonos desprazar ao porto de Cedeira. Este curso a actividade reducirase a un só día por nivel pero estará dirixida a 5º e 6º de EP e a toda a ESO. A actividade terá lugar durante toda a mañá polo que non teredes que traer mochila con material lectivo. En principio as quendas serán as seguintes: 
17 de setembro: 5º EP
18 de setembro: 6º EP
19 de setembro: 1º ESO
20 de setembro: 2º ESO
21 de setembro: 3º ESO
22 de setembro: 4º ESO

INICIO CURSO ESO

O luns 17 de setembro iniciamos na ESO un novo curso no CPI Atios, Despois desta fin de verán tan boa sei que é difícil a volta á rutina, pero entre tod@s intentaremos que sexa o máis levadeira posible.
O  luns teredes a primeira sesión no comedor co equipo directivo, e despois subiredes a clase cos vosos titores na segunda sesión. A partir do primeiro recreo teredes xa o horario normal.
Avisarvos tamén que a partir do mércores 19 empezaremos a actividade de vela para toda a ESO. Benvid@s a tod@s.

18 de agosto de 2018

EXAMES SETEMBRO

Ola a tod@s, espero que estedes pasando un bo verán. Só quería lembrarlles aos que teñen a materia de Educación Física para setembro a data e a hora do exame de setembro. Será na seguinte data:

 03 de setembro de 11:25 a 12:25

4 de xullo de 2018

FOTOS E MEMORIA RAFTING 17-18

Agora sí que rematamos por este curso. A actividade de rafting e paintball que fixemos o xoves día 29 de xuño foi a última deste ano. O xoves, o voso comportamento foi moi bo (agás o tema da autorización no paintball), o que me fai sentir moi orgulloso de vós.A climatoloxía, axudou pois non choveu e só no paintball pasouse calor acabando coas existencias de auga. A xornada levouse adiante de xeito totalmente satisfactorio. Espero que o pasarades ben e que volvades acompañarme nalgunha outra saída. As fotos coma sempre podedes acceder a elas dende o menú da dereita das actividades.
Hai poucas fotos do rafting porque este ano non pasaron fotos os da empresa.
Un abrazo enorme a tod@s e GRAZAS POR VIR.


27 de xuño de 2018

SAÍDA RAFTING


Lembrarvos que mañá  xoves 29 de xuño temos a saída de rafting para 3º e 4º de ESO. A saída será ás 09:00 da mañá dende a parada de bus da Porta do Sol, dirección Cedeira. O material que precisades é bañador, toalla, tenis para mollar, unha camiseta para cambiarse despois do paintball... e a comida. Vémonos mañá, sede puntuais.

RESULTADOS AVALIACIÓN FINAL

Os resultados da  avaliación final en Secundaria na materia de Educación Física realizada o día 22 de xuño  foron os seguintes:
1º ESO A:     17 alumnos          14 aprobados        3 suspensos         82% aprobados
1º ESO B:     22 alumnos          17 aprobados        5 suspensos         77% aprobados
TOTAL 1º    39 alumnos          31 aprobados        8 suspensos         79% aprobados
2º ESO A:      25 alumnos           25 aprobados       0 suspensos       100% aprobados
2º ESO B:      24 alumnos           24  aprobados      0 suspensos       100% aprobados
TOTAL 2º     49 alumnos           49 aprobados       0 suspensos       100% aprobados
3º ESO A:     27 alumnos          26 aprobados         1 suspensos        96% aprobados
3º ESO B:     24 alumnos          22 aprobados         2 suspensos        92% aprobados
3º ESO C:     08 alumnos          05 aprobados         3 suspensos        63% aprobados
 TOTAL 3º   59 alumnos          53 aprobados         6  suspensos       90% aprobados
4º ESO A:     29 alumnos          29 aprobados        0 suspensos       100% aprobados
4º ESO A:     10 alumnos          10 aprobados        0 suspensos       100% aprobados
TOTAL 4º :   39 alumnos         39 aprobados        0 suspensos       100% aprobados
TOTAL   186  alumnos   172 aprobados    14 suspensos   92% aprobados

21 de xuño de 2018

DESPEDIDA ALUMNADO 4º ESO

Hoxe 21 de xuño chega a hora de ver marchar outra xeración. O curso remata e os 39 alumn@s de 4º de ESO tedes que empezar a voar sós. Pouco a pouco os vosos camiños empezarán a separarse para que cada un poida ir percorrendo a súa propia senda chea de contrastes que é a vida. A maioría sabedes, a pesares das broncas, que estamos moi orgullos@s de todos vós. Quería dicirvos que SEMPRE creades nas vosas posibilidades e nos vosos soños, os profes tamén cremos que seredes unhas grandes persoas no futuro (se non o sodes xa).
Deséxovos toda a sorte do mundo lembrándovos que "na vida real" a sorte sen traballo e esforzo case nunca é suficiente para acadar o que se desexa. A vosa vida ven de empezar, intentade ser sempre consecuentes coas vosas ideas e a vosa personalidade, e loitade polo que credes xusto. Tamén quería lembrarvos nesta época de tecnoloxía infinita que as cousas importantes da vida fanse cara a cara, con alguen fronte a nós ou ao noso carón. Non o esquezades.
MOITA SORTE A TODOS na vosa vida, lembrádevos de nós algunha vez, perdonádenos se fixemos algunha cousa mal e intentade ser felices.
Un bico a todos…. SEMPRE EN ATIOS!

20 de xuño de 2018

NOTAS FINAIS ESO

Aquí tedes aos enlaces das notas finales (aproximadamente a media das tres avaliacións) de 1º, 2º 3º e 4º de ESO. Calqueira dúbida que teñades preguntádeme.

19 de xuño de 2018

VÍDEO ACAMPADA 17-18

Grazas ao traballo do noso gran colaborador Juanra tedes xa en Atios TV un vídeo sobre a acampada nas Fragas do Eume. Esperamos que vos guste. Grazas Juanra. Tamén podedes acceder pinchando na imaxe.


18 de xuño de 2018

ACAMPADA 17-18

O venres e o sábado estivemos con 24 alumn@s de 2º de ESO de acampada nas Fragas do Eume, en xeral a actividade realizouse de xeito satisfactorio (a pesar das incidencias coa distinta fauna autóctona), e o tempo acompañou posto que non choveu. A montaxe das tendas realizouse sen contratempos e na ruta en kaiak e a andaina a pé non houbo imprevistos. Grazas a tod@s por participar desta experiencia. En breve colgaremos as fotos da actividade.

15 de xuño de 2018

AUTORIZACIÓNS RAFTING 17-18

A actividade de rafting para o alumnado de 3º e 4º de ESO será finalmente o xoves día 28 de xuño. A saída será ás 09:00 horas dende a parada de bus que está preto do JOSBY.
Lembrarvos aspectos importantes que iban na autorización:
·        Os alumnos levarán a comida, xantaremos na área recreativa A Barosa en Barro.
·        A chegada será sobre ás 20:00 ou 21:00 horas dependendo do tempo que leve a actividade.
·        É obrigatorio saber nadar.
·     MATERIAL: Cada participante debe levar un calzado deportivo que se poida mollar, escarpíns e traxe de baño posto. Deben levar tamén toalla e roupa interior de reposto. Despois cada un que leve a roupa que considere oportuno.
Hai 32 alumn@s anotados polo que o prezo final é de 55 euros, esto inclúe a actividade de rafting, de paintball e o bus. A data límite para entregar o importe é o mércores 20 de xuño.
Profesores acompañantes: Juan Luis Allegue Iglesias.

8 de xuño de 2018

OLIMPIADA CEDEIRA 2018.

   Maravillosa xornada de convivencia que os nenos e nenas de 4º de EP disfrutaron a semana pasada, na Olimpiada organizada polo CEIP Nicolás del Río de Cedeira. Agardamos que actividades como esta podan celebrarse en vindeiros cursos.


PROGRAMA E MATERIAL ACAMPADA

PROGRAMA DE ACTIVIDADES / CARACTERÍSTICAS:
1º día: CÁMPING - PIRAGÜISMO
09:45   Saída de Valdoviño
11:00   Chegada ó Cámping Fragadeume (Queixeiro)
11:30   Montaxe tendas / Colocación cousas / Normas cámping e actividades
14:00   Xantar no cámping
15:30   Saída hacia As  Eiras (Clube Deportivo Fragas do Eume)
16:00   Piragüismo no Encoro do Eume
19:30   Regreso ao Cámping
21:00   Cea
2º día:  CÁMPING - SENDEIRISMO NAS FRAGAS
08:00   Levantarse
08:30   Almorzo
09:00   Rota de sendeirismo polas Fragas do Eume (14 -16 Km)
13:00   Chegada a Caaveiro, volta ao cámping en bus
14:00   Xantar
16:30   Recollida tendas
17:00 ou 20:00  Regreso a Valdoviño          
18:00 ou 21:00  Chegada a Valdoviño
  
MATERIAL RECOMENDADO:
- TENDA DE CAMPAÑA / - SACO DE DURMIR / - ESTERILLA
- CALZADO: Tenis cómodos e USADOS para a rota de sendeirismo, o que teña botas pódeas levar (suxeitan mellor o pé) / Chanclas para ducharse no abergue / Para o piragüismo valerían unhas chanclas, tede en conta que ese calzado vaise mollar.
- ROUPA: Roupa suficiente para dous días, roupa cómoda / Varios pares de calcetíns de algodón / Calzado de reposto / Toalla de ducha  e elementos de aseo persoal / Bañador / Chubasqueiro / Gorra ou sombreiro para protexerse do sol / Levade unha mochila pequena para levar algunha cousa o día da rota de sendeirismo: auga, chubasqueiro, algo de comida,…
- BOTIQUÍN: Tiritas, cacao, crema solar / Os alérxicos e asmáticos deben leva-los medicamentos que teñan prescrito.
- OUTROS: Lanterna

6 de xuño de 2018

VÍDEO SURF ESO

Pinchando na foto tedes o enlace ao vídeo da actividade de surf que nos preparou Andrés. Graciñas. Esperamos que vos guste.

3 de xuño de 2018

AUTORIZACIÓNS ACAMPADA 17-18

O departamento de EF está a organizar unha acampada de dous días dirixida ó alumnado de 2º de ESO. Dado que outros cursos e noutras actividades o alumnado tense dado de baixa a última hora esta autorización implica o permiso para ir á actividade é o compromiso de asistir.
A actividade realizaríase os días 15 e 16 de xuño (venres e sábado) e tería lugar no cámping de Queixeiro en Monfero. O prezo estaría entre os 50-70 euros. Será preciso un mínimo de 20 alumnos para levar a cabo a actividadeO prazo para entregar a autorización é ata o venres 01 de xuño. O prezo da actividade incluiría: Ruta de piragüismo no encoro do Eume, ruta de sendeirismo no parque natural das Fragas do Eume, comidas e estancia no cámping Fragadeume, transporte en bus ó cámping e ás actividades.

ACTIVIDADE SURF ESO / EP

Os días 21 e 22 de maio (4º EP) e 23 e 24 de maio (2º ESO) o alumnado do CPI Atios estivo en Pantín tratando de subirse a unha táboa de surf, o tempo acompañounos e en xeral a actividade desenrolouse de xeito satisfactorio. Un total de 47 alumn@s disfrutaron da experiencia. 
As fotos da actividade tanto de EP coma da ESO están xa subidas no blogue e Andrés anda a montar un vídeo co material que gravou o 2º día cos da ESO.

NOTAS 3ª AVALIACIÓN ESO

Xa podedes consultar (por fin) nos seguintes enlaces as notas da 3º avaliación na materia de educación física, revisade as medias e se hai algún erro comentádemo. Dentro de poucas datas, despois das recuperacións colgarei as notas finais.
Un saúdo a todos e desculpas polo retraso.

17 de maio de 2018

DATAS EXAMES ESO 3ª AVALIACIÓN

As datas dos exames teóricos da terceira avaliación para os distintos grupos da ESO serán as seguintes:

1º ESO A: 30 de maio (Temas 8, 9 e 10)
1º ESO B: 22 de maio (Temas 8, 9 e 10)
2º ESO A: 25 de maio (Temas 7, 8, 9 e 10)
2º ESO B: 22 de maio (Temas 7, 8, 9 e 10)
3º ESO A: 25 de maio (Temas 11 e 12)
3º ESO B-C: 15 de maio (Temas 11 e 12)
4º ESO A: 22 de maio (Temas 8 e 11)
4º ESO B: 21 de maio (Temas 8 e 11)

12 de maio de 2018

VÍDEO TORNEO XADREZ




Andrés montou un pequeno vídeo do Torneo de Xadrez deste curso. Pinchade na foto para velo. Grazas a Andrés pola gravación e pola montaxe.

INICIACIÓN SURF 17-18

Os días 21 e 22 de maio (o alumnado de 4º de EP) e o 23 e 24 de maio (o alumnado de 2º de ESO) terá a oportunidade de ter un primeiro contacto co surf na praia de Pantín en horario de 10 a 13 h. En total serán 49 alumn@s os que disfruten destas 6 horas de iniciación ao surf. O prezo da actividade é de 41 euros (30 para a actividade e 11 para o bus dos dous días) e irán acompañados de dous profesores do centro estando supervisados alí por monitores especializados en surf da empresa Actificom. Os traslados realizarémolos nun bus da empresa Autos Camilo.

1 de maio de 2018

SUSPENSIÓN CAMIÑO SANTIAGO

A actividade do Camiño de Santiago prevista para os días 16 e 17 de maio queda suspendida polo baixo numero de alumnado interesado na saída. Outro curso será.....

23 de abril de 2018

AUTORIZACIÓNS CAMIÑO SANTIAGO

Os días 16 e 17 de maio realizaremos co curso de 4º de ESO o tramo do Camiño de Santiago (Camiño de Fisterra) entre Muxía e Fisterra. Son en total 30 km repartidos en 2 etapas: Muxía – Lires (16 Km) e Lires – Fisterra (14 Km).
O bus nos levará o mércores ata Muxía e o xoves traeranos de volta a Valdoviño.  
O prezo é aproximadamente de 48 €. O prezo  inclúe o bus e a estancia no albergue en Lires, está calculado para un número de 20 alumnos.
ENTREGAR  A AUTORIZACIÓN ANTES DO LUNS 30 DE ABRIL.

UNIDADES 3ª AVALIACIÓN ESO

As unidades que estamos a ver dende á volta de vacacións para o alumnado da ESO son as seguintes:
1º ESO
UD6: Xogos populares e alternativos 1
UD7: O rugbi
UD8: Expresión corporal 1
UD9: Actividades na natureza 1: Rastrexos, nós básicos...
2º ESO
UD6: Bailes de salón 1
UD7: Xogos populares e alternativos 2
UD8: Deportes de loita
UD9: Expresión corporal 2
UD 10: Actividades na natureza 2; sendeirismo, acampada...
3º ESO
UD5: Xogos populares e alternativos 3 (Peonzas , palas...)
UD6: Bailes de salón 2 
UD7: Actividades na natureza 3. Orientación
UD8: Expresión Corporal 3. A representación
4º ESO
UD4: Béisbol
UD7: Bailes de salón 3. Aerobic
UD8: Actividades na natureza 4. Escalada
UD6: O ritmo. Elementos de ximnasia rítmica

16 de abril de 2018

3 de abril de 2018

VOLTA ÁS AULAS


Hoxe, día 03 de abril retomamos as clases no CPI Atios de Valdoviño despois destas vacacións de Semana Santa pasadas por auga. Espero que descansarades ben para apretar un pouquiño estes tres meses que quedan para o final do curso.

Ánimo para tod@s