21 de xuño de 2019

SEMPRE EN ATIOS. 19 ANOS.

Síntome enormemente orgulloso de ter pertencido a este centro durante estes dezanove anos, e agardo que todos vós co tempo tamén o estedes. É un centro educativo estable e cun profesorado, que en xeral, se preocupa polo seu alumnado; supoño que diso tamén vos decataredes cando teñades a oportunidade de estudiar noutro centro.
Hoxe tamén podo decir, que malia as broncas e as "recetas" tamén estou orgulloso de todos vós, de vós e de todo o alumnado que pasou por aquí ao longo destes dezanove anos; sodes NOBRES, de bo corazón, e penso que iso é unha das cousas máis importantes. Quería dicirvos que sempre creades nas vosas posibilidades e nos vosos soños. Sei que vos convertiredes nunhas extraordinarias personas no futuro (si é que non o sodes xa).
Sei que non son un profesor marabilloso, máis ben son bastante mediocre, fáltame a paciencia que quizá tiven cando era máis novo e agora xa escasea coma o meu pelo. Por iso abrúmanme as mostras de afecto e agarimo que levo recibindo dende que sabedes que marcho de Atios. GRAZAS por facerme sentir tan querido e apreciado malia o meu mal carácter.
Quería pedirvos perdón si algunha vez fixen ou dixen algo que vos molestou ou vos fixo sentir mal. Nada máis lonxe da miña intención. Deséxovos toda a sorte do mundo lembrándovos que na "vida real" a sorte sen traballo e esforzo case nunca é suficiente para acadar o que se desexa. Sei que nesta sociedade na que vivimos o TRABALLO e o ESFORZO non venden, pero a realidade da maioría dos seres humanos é que precisan de traballo para poder levar unha vida digna.
Lembrarvos tamén que nesta era de infinitos avances tecnolóxicos  as cousas máis importantes da vida seguen a facerse cara a cara, con alguén ao noso carón ou frente a nós; non vos deixedes manipular e sede CRÍTICOS coa información, tratade de prescindir de móbiles, tablets e ordenadores todo o que vos sexa posible. Intentade ser SEMPRE honestos e consecuentes cos  vosos ideais e a vosa personalidade e loitade por todo o que pensedes que é xusto.
MOITA SORTE A TOD@S  na vosa vida e tratade de ser felices sen facer dano aos demais.
Un bico enorme a tod@s.... Xa sabedes que sempre levarei este centro e este pequeno e fermoso pobo no meu corazón.

SEMPRE EN ATIOS

FOTOS E MEMORIA ACAMPADA 18-19

O curso remata e con él a miña andaina en Atios. Grazas a tod@s por permitirme compartir esta última acampada con vós, Espero que disfrutarades da experiencia como disfrutei eu, remontando o río por derradeira vez coa mellor compaña posible e desfrutando de novo dese zig-zag terrible que conduce ao Parrote. Grazas a Juanra e a Alejandro por acompañarnos, e a Carmen e a Tania por vir facer a ruta en kaiak a pesar de acabar de chegar de Tenerife. Déixovos as fotos onde sempre, pinchando no icono da actividade no menú esquerdo. Un bico a tod@s. Ata sempre.

4 de xuño de 2019

PROGRAMA E MATERIAL ACAMPADA

PROGRAMA DE ACTIVIDADES
1º día: CÁMPING - PIRAGÜISMO
10:00   Saída de Valdoviño (Porta do Sol)
11:30   Chegada ó Cámping Fragadeume (Queixeiro)
12:00   Montaxe tendas / Colocación cousas / Normas cámping e actividades
14:00   Xantar no cámping
15:30   Saída hacia As  Eiras (Clube Deportivo Fragas do Eume)
16:00   Piragüismo no Encoro do Eume
19:30   Regreso ó Cámping
21:00   Cea
2º día:  CÁMPING - SENDEIRISMO NAS FRAGAS
08:00   Levantarse
08:30   Almorzo
09:00   Rota de sendeirismo polas Fragas do Eume (14 -16 Km)
13:00   Chegada a Caaveiro, volta ao cámping en bus
14:00   Xantar
16:30   Recollida tendas
17:00 ou 20:00  Regreso a Valdoviño          
18:00 ou 21:00  Chegada a Valdoviño

MATERIAL RECOMENDADO:
- TENDA DE CAMPAÑA (Que a monten na casa antes de ir á actividade e que comproben que están tódolos elementos necesarios)
- SACO DE DURMIR / - ESTERILLA
- CALZADO: Tenis cómodos e USADOS para a rota de sendeirismo, o que teña botas pódeas levar (suxeitan mellor o pé) / Chanclas para ducharse no abergue / Para o piragüismo valerían unhas chanclas, tede en conta que ese calzado vaise mollar.
- ROUPA: Roupa suficiente para dous días, roupa cómoda / Varios pares de calcetíns / Calzado de reposto / Toalla de ducha e elementos de aseo persoal / Bañador / Chubasqueiro / Gorra ou sombreiro para protexerse do sol / Levade unha mochila pequena para levar a roupa para cambiarnos o día da ruta en kaiak e para levar algunha cousa o día da rota de sendeirismo: auga, chubasqueiro, algo de comida...
- BOTIQUÍN: Tiritas, cacao, crema solar / Os alérxicos e asmáticos deben leva-los medicamentos que teñan prescrito.
- OUTROS: Lanterna

AUTORIZACIÓN RAFTING 18-19

O departamento de Educación Física do CPI Atios organiza unha saída o xoves día 27 de Xuño co alumnado de 3º e 4º de ESO para realizar unha actividade de rafting e paintball, 
O rafting  consiste en baixar en grupos e dentro dunha balsa neumática o curso dun río, o monitor actúa como timonel mentres os demais controlan a embarcación cos remos.
A actividade realizase equipados cun traxe de neopreno, chaleco salvavidas, casco  e sempre estaremos acompañados de dous - tres monitores da empresa TURNAUGA.
·        O rafting faríase no río Ulla preto de Padrón e o paintball en Caldas de Reis.
·        A saída será do Josvy  ás 9:00 h. do día 27 de Xuño.
·        Os alumnos levarán a comida, xantaremos na área recreativa A Barosa preto do río Ulla.
·        A chegada será sobre ás 20:00 ou 21:00 horas dependendo do tempo que leve a actividade.
·        A empresa Turnauga proporciona o material: traxe de neopreno e chalecos e contrata un seguro de responsabilidade civil por cada participante, polo que é necesario que me comuniquen antes o DNI.
·        O prezo é entre 55-60 euros, esto inclúe a actividade de rafting, de paintball e o bus. Este prezo é orientativo para un número aproximado de 25 alumnos, en función dos alumnos que vaian podería modificarse.
·        É obrigatorio saber nadar.
·        MATERIAL: Cada participante debe levar un calzado deportivo que se poida mollar e traxe de baño posto. Deben levar tamén toalla e roupa interior de reposto. Despois cada un que leve a roupa que considere oportuno.
·        Profesores acompañantes: Juan Luis Allegue.
·        A data límite para entregar  as autorizacións é o venres 07 de xuño.